"Transmigrantes, fillas da precariedade" xa está á venda
Vivimos nunha época convulsa, na que as fronteiras se teñen convertido non en lindes de tránsito, senón en espazos de limitación e control, de arrebatamento da dignidade e maquinación do ser humano. Son abondo coñecidas para nós as imaxes de xente fuxida de países en conflito, zonas en guerra ou rexións degradadas por intereses capitalistas internacionais, cara a lugares onde unha mellor vida é posíbel. Porén, a arrepiante intramigración nas chamadas "zonas de confort" do mundo é un evento menos coñecido, ou que é silenciado de xeito sistemático, interesado, por parte de gobernos e medios de comunicación. Para as varias xeracións de migrantes galegas e galegos que tiveron a necesidade de marchar da súa terr, un fenómeno tan plural como actual -vivido alén das fronteiras europeas pero tamén dentro dos seus propios límites- debería ser comprendido de maneira directa, clara, posicionando o espectro crítico social galego nun punto ético de observación da realidade contemporánea, de maneira compromerida. Mais moitas veces o conformismo e a desinformación poden connosco. Transmigrantes, fillas da precariedade achégase a unha desas dolorosas intramigracións, concretamente a da nova diáspora galega, preferentemente focalizada no norte de Europa. Faino tendo en conta os diferentes condicionantes históricos e económicos dese colectivo, invisibilizado polo xeral tanto nos países de acollida como nos de orixe, sen deixar de correlacionar este fenómeno co movemento transmigrante internacional, das moitas e moitos que teñen que marchar das súas terras de orixe cara a distinos impredicíbeis e totalmente descoñecidos. María Alonso evoca neste ensaio diferentes situacións errantes para realizar unha revisión alternativa do paradigma arredor do cal se conxuga a nova tipoloxía da emigración. Desde a perspectiva da teoría poscolonial e da subalternidade, a autora preséntanos un contradiscurso para cuestionar a idealización desta nova emigración interior europea, sinalando ademais os varios retos aos que o precariado transmigrante actual ten que facer fronte a causa da súa depreiación como capital humano. Este libro reflicte a voz dunha xeración que padece de anacronismo, a voz desas galegas e galegos que ven alén das súas fronteiras o único xeito de supervivencia. Crítica minuciosa e sen concesións, sentimental pero non emotivista, dun estado de cousas que, de non buscar solucións inmediatamente, creará problemáticas aínda máis fondas, no tecido político e social contemporáneo, das que ten provocado até o de agora.