44895615_349381039168680_551557608073750

ENTREVISTA A HELENA SALGUEIRO GOLÁN, BOLSEIRA DO TRAVERSE THEATRE

Helena Salgueiro é unha actriz e poetry-performer nada en Compostela. O seu traballo céntrase na
relación entre folklore, política e teatro pos-dramático. Actuou en distintos teatros, auditorios,
librarías e espazos abandonados de diferentes países. Publicou os poemarios Intermitencias da
Cidade, 2014 (Premio Avelina Valladares) e as flores, 2016 (Premio Rosalía de Castro) e participou en
tres antoloxías de poesía galega. Durante os seus estudos na Universidade de Santiago de
Compostela formou a companhía universitaria e logo asociación cultural GN TEATRO, ca que
gañaron o premio Xuventude Crea da Xunta de Galiza no 2016. Continúa a formarse en teatro
viaxando por Europa, en cursos organizados polo Instituto Grotowski ou Odin Teatret. Leva pouco
máis dun ano en Edimburgo.

 


A galega en Escocia Helena Salgueiro Golán é unha das Young Writers deste ano do Traverse Theatre, un dos centros más prestixiosos da capital escocesa. Que supón esta oportunidade?


É unha gozada. A xente do Traverse é extremadamente atenta, coidadosa. Teñen unha oferta amplísima e xeran moitísimas oportunidades. Vin que Escocia en xeral facilita moita axuda á xente que comeza carreiras artísticas. Estamos aprendendo de xente que escribiu para o National Theatre ou a Royal Opera House. Presentamos as nosas obras ao teatro e, das que guste, aceptaríaas para poñer en escena.


Es a única autora que non ten a lingua inglesa como lingua materna, consideras este feito un hándicap ou unha oportunidade para explorar novos territorios lingüísticos?

Ambos. Realmente o hándicap está en min mesma. Cando es extremadamente esixente contigo mesma e co que che rodea, por un afán perfeccionista que non leva a nada e co que apenas evolucionas, non consigues máis que dores de cabeza. Dende que cheguei aquí vin que a cuestión linguística está por riba da do xénero ou da raza. Aquí, nun país colapsado pola migración e xa multiracial, quen domina a lingua é quen posúe o poder relacional, e usualmente económico. Contrasteino con máis xente, que emigrou para traballar en postos onde os que apoian o Brexit non queren traballar. Eu mesma cando cheguei e tiña un nivel moi baixo de inglés sentíame - facíanme as veces sentir - inferior, o cal é simplemente estúpido.

44933404_338203270325425_191229454599585

Agora no Traverse tento fuxir desa percepción e sentirme coma unha igual, se ben é verdade que os debates que temos xa serían complexos na miña propia lingua e cómpre facer o dobre de esforzo. Elas trátanme coma unha igual. E estou segura que o resultado final será de igual calidade. O hándicap case sempre vén de dentro, por non crer en nós, por ser demasiado duras con nós mesmas porque sempre o foron con nós.


En que tipo de proxecto creativo estás a traballar para esta ocasión?


Prefiro non falar sobre o texto aínda pero podo dicir que este falará de Galiza de xeito que unha lectora británica poda entender.


Vés de presentar en Compostela PAN, unha performance rodada aquí en Edimburgo. De que se trata?


Forma parte dunha triloxía chamada A Muller e o Traballo, traballando cun novo xénero: a performance etnográfica, que parte da filosofía do teatro antropolóxico. Estas performance baséanse en traballo de campo (nunca mellor dito), investigación etnográfica da forza de traballo que teñen brindado as mulleres no rural. Son tres: PAN, NORTEAR e FERRUXE. Cada unha xira sobre dous conceptos filosóficos e teñen un imaxinario diferente. Pan fala de sensualidade e técnica con imaxinario da sega e feitura do pan na cocinha tradicional. Nortear fala de migración e multiculturalidade, con imaxinario do mar (traballo no mar e traballo con redes e teas). Ferruxe fala de poder/empoderamento e resistencia/resiliencia, con imaxinario do traballo co metal (matanza) e da sangue (menstruación e parto). Fixen unha pre-estrea para Chan da Pólvora de Nortear, pero aínda estou en proceso ca investigación de materiais. Estivera na costa leste escocesa, pero quero completala viaxando a costa oeste e entrevistar mulleres... É na que máis se vai ver a conexión Galiza-Escocia non só pola temática, senón porque o espazo sonoro que escollín son cancións en gaélico e galego arredor do mar. Pero as tres son demasiado orgánicas para obviar o feito de que vivo aquí. A promo de PAN estivo rodada no Castelo de Craigmillar, e estámonos mergullando nunha idea para FERRUXE contra o ano que ven, para gravar en directo a feitura dun coitelo nun xacemento arqueolóxico escocés...


O traballo céntrase no procesual, que é o que desfruto, e estame a levar moito tempo. PAN non é máis que unha parte desa engranaxe, co punto orixinal de que tomo prestado para o texto o poemario de Estíbaliz Espinosa, Pan (libro de ler e desler).

Parece que na túa creación a conexión entre Galiza e Escocia xa é inevitable. Elexiches Edimburgo como cidade de acollida con esta idea en mente?

Empecei a tomar decisións vitais unha vez chegada aquí. Non escollín Edimburgo, foi a decisión máis impulsiva e menos pensada que tomei na vida. De feito todo apuntaba en contra, deixaba demasiado atrás, e non había quen entendera porque marchaba, nin eu mesma. E foi, paradoxicamente, a decisión máis sanadora. Xa estivera en Escocia dúas veces antes. Aprendín a andar aquí cando era unha crianza, nesta terra foron os meus primeiros pasos. En moitos sentidos. Sentía case unha necesidade de cambiar de aires e respirar de novo aquí, nun país do que estou case tan namorada coma do meu. De todos os xeitos a Edimburgo quédalle pouco tempo. Teño a idea de volver marchar, a algún sitio máis pequeno, máis rural. Aínda non teño claro en que país dos dous, pese a saber onde vou acabar eventualmente: sempre en Galiza.

thumbnail_Mulleres galescots.jpg

Salgueiro está a preparar outra performance chamada Fuel Voice (semiotics of a post-colonisation), para
representar en Glasgow, traballo no que fala do Prestige e como se atopa o debate hogano.